A Praza dos Libros volve a Carballo convertida en referente da cultura galega

A Praza dos Libros volve a Carballo convertida en referente da cultura galega
Acto de presentación da Praza dos Libros I Mar Casal

A Praza dos Libros, agora denominada PLIC, volverá a Carballo entre os días 10 e 13 de xullo, cun intenso programa que acredita o compromiso do Concello coa cultura galega. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Chano Calvo, e representantes das librarías e editoriais participantes presentaron  este martes na praza, no mesmo lugar no que se desenvolverá a feria, o cartel desta 19ª edición.


A PLIC é a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dun mercado tradicional como o de Carballo, polo que os produtos gastronómicos da terra terán de novo un importante protagonismo. O xoves da apertura todas as persoas que merquen un libro serán obsequiadas  con atún Calvo e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda, como ocorre en todas as edicións. 


Ademais, o sector ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, pendrives coa gravación da Sinfonía Bergantiños ou bolsas de tea, entre outros. As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas (o domingo, ata as 21.00).

 

Marilar Aleixandre, pregoeira


En total participan oito librerías, das que seis son de Carballo:  Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espiral Maior Foro e Espazo Lector Nobel. As outras dúas son A gata tola, de Santiago, e Á lus do candil, de Arteixo.
A concelleira Ángeles Pacoret agradeceu especialmente a participación das librarías, “que sodes as que lle dades vida a esta feira”, así coma a implicación tanto da Fundación Luis Calvo Sanz, que vén colaborando coa feira ano tras ano, e a incorporación de Muebles Luis como empresa patrocinadora nesta 19ª edición.


Pola feria pasarán durante estos días autores como Marilar Aleixandre, que será a pregoeira desta edición; e outras “figuras relevantes” como Pedro Feijoo, Xabier Queipo, Rober Cagiao, Víctor Cebey, Marta Villar, Carlos Rego, Fernando Cabeza Quiles, Suso de Toro, Xosé Manuel e Icía Varela, Héctor Pose, Txema García, Alejandro Otero Jamardo, Marta Seoane, Laura Tova, Carmen V. Valiña, Xosé Antonio Andrade, Raúl Herrera, Arantza Portabales e Ramón Vilar Landeira. 


Tamén haberá música, regueifa, obradoiros e as habituais sinaturas de libros dos autores participantes, entre outras actividades. 
Eva Cameán, en representación das librarías participantes, cualificou coma “un luxo” poder participar na PLIC, cun programa “que cada ano se supera”.
“É unha moi boa programación”, dixo o alcalde, quen amosou o seu desexo de que “os libros en papel cobren protagonismo”. Evencio Ferrero subliñou que “Carballo será unha festa do libro, teremos oportunidade de coñecer e saudar a persoas de grande prestixio literario e de enorme bagaxe cultural”.

A Praza dos Libros volve a Carballo convertida en referente da cultura galega

Te puede interesar