Carballo acollerá o vindeiro 16 de maio o 15 Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG), en recoñecemento á riqueza que o canto tradicional ten neste concello e en toda a comarca de Bergantiños. O evento fará un percorrido pola xeografía galega a través das melodías tradicionais cunha posta en escena contemporánea. Foi presentado onte pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde, Evencio Ferrero; o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo; a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez.
Entre as novidades desta edición destaca que o concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación coordinada polo músico Richi Casás, creada expresamente para esta ocasión e integrada por 11 artistas de distintos eidos musicais. Será o venres 16 de maio a partir das 20.30 horas, con entrada libre e gratuíta.
Maruxa Suárez mostrou a súa satisfacción porque Carballo acolla o concerto, aínda que afirmou que non podía ser doutro xeito, xa que “Carballo é un concello con fonda tradición de cante popular, ao igual que Bergantiños”.
Rosario Álvarez pola súa banda indicou que sempre “concibimos o concerto como un proxecto colaborativo e este ano puxemos aínda máis o acento no colectivo xa que, grazas á mestría de Richi Casás, creáse unha banda efémera de 11 artistas que lle da impulso a esta proposta”.
Alejo Amoedo subliñou que o Concerto das Letras Galegas “escolma nesta ocasión arredor dunha ducia de pezas do amplo legado recollido nos cancioneiros para ofrecer, cunha envoltura de jazz a cargo de Do Bertau, muñeiras, comparsas, xotas, pasodobres e outros tipos de cantos tradicionais de diferentes zonas de Galicia”.
Evencio Ferrero ademais de mostrar o seu agradecemento pola elección de Carballo por permitir “honrar á nosa tradición desde a comarca de Bergantiños, que ten unha fonda raigame de música tradicional con moitas persoas que serviron de fonte na que beberon os novos valores da música tradicional galega”, expresou a súa idea de que “o Día das Letras deberían ser os 365 días do ano”.
O concerto arrincará coa Comparsa de Mens, en Ordes, recuperada a través das gravacións clásicas feitas primeiro por Alan Lomax cando chegou a Galicia nos anos 50, e dúas décadas despois, pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth. Seguirá unha xota de Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro. Tamén destaca o canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás, de Cerceda, e as Mulleres de Gharghamala (Mondariz).
Seguirán os cantos dos canteiros de Faramontaos (Ourense), dúas pezas de Cervantes e rematará con dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira recollidas por Dorothé Schubarth ás veciñas camariñás.
A programación das Letras Galegas xa comezou en Carballo coa presentación do libro Cancioneiro Serodio (1989-2012) de Xabier Díaz este mércores. Na obra o artista recolle a transcrición dos textos líricos das case 500 entrevistas que foi realizando ao longo de trinta anos de camiño, con anécdotas, sorpresas e historias das informantes, protagonistas tamén das fotos e dos audios.