O Concello e a hostalería de Carballo colaboran para a promoción do galego

O Concello e a hostalería de Carballo colaboran para a promoción do galego
Representantes municipais e hostaleiros, na presentación da campaña

O Concello de Carballo, da man do sector hostaleiro local, promocionará o uso do galego nos sectores económicos máis importantes do municipio. Concretamente, o Servizo de Normalización Lingüística realizará con vistas á Semana Santa un reparto masivo de salvamanteis con pasatempos da revista "A píllara", editada polo Concello de Carballo coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). O obxectivo é que mentres agarda por unha tapa, unha ración ou un xantar, a clientela poida entreterse e exercitar o uso do galego facendo unha sopa de letras ou un anagrama.

 

A proposta foi moi ben acollida polo sector, e, de feito, a través da Asociación de Hostalaría xa se anotaron unha ducia de establecementos. Algúns deles, así coma a propia directiva da entidade, asistiron este luns á presentación dos salvamanteis xunto co alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e a técnica do SNL, Carme Pereiro.

 

A proposta está aberta aínda á participación dos empresarios interesados, formen parte ou non da entidade. O único que teñen que facer é poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal, dos números de teléfono 881 983 865 ou 626 125 495, ou tamén de maneira presencial na Casa do Concello. 

O Concello e a hostalería de Carballo colaboran para a promoción do galego

Te puede interesar