Carballo entra xa de cheo no programa das Letras Galegas, adicado á poesía popular oral e no que as cantareiras da zona teñen un protagonismo especial. Así, co afán de darlle o seu espazo ás agrupacións municipais, o Concello estivo mantendo desde principios de ano xuntanzas con elas para que participasen tamén na organización do programa, xurdindo así a organización de distintas actividades. Unha desas iniciativas é a xornada ‘Vivan as do meu lugar’, un encontro para poñer en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e de Bergantiños na conservación do patrimonio musical e oral.
A xornada será este sábado no Pazo da Cultura de 11.00 a 19.30 horas. O obxectivo é xuntar ás cantareiras para compartir e debatir o presente e o futuro da música tradicional en Bergantiños, que ten a sona de cantar e bailar ben, de ter grandes tocadoras transmisoras da tradición oral deste lugar moi rico en coplas, toques e bailes. Na difusión e preservación deste valioso repertorio, as asociacións teñen un papel fundamental, creando desde hai moitos anos espazos de encontro interxeracional onde vivir a cultura en comunidade. Para participar só é necesario realizar unha inscrición previa no enderezo electrónico <vivanasdomeulugar@gmail.com>.
O programa comezará ás 11.00 horas cun encontro de artistas: Alana, Mercedes Peón, Su Garrido Pombo e De Ninghures. Neste encontro falarase da experiencia de catro propostas musicais actuais que crean desde os códigos, os xeitos e os saberes da tradición oral galega.
Ás 13.00 horas será o turno para ‘Vermú con libros’, coa presentación do libro ‘Somos Pandeireteiras’ e da colección Chave Mestra de aCentral Folque.
Ás 16.00 horas terá lugar unha mesa redonda con representantes das asociacións locais Arume de Verdillo, Nemeth, San Campio de Cances, Escola do Alprende e Coro Aires de Bergantiños. Modera a conversa a pandeireteira carballesa Hadri Felpete.
Ás 18.00 horas chegará ‘Que fas o domingo? Novos xeitos de compilar e difundir a música de tradición oral’, unha palestra a cargo do compilador Miguel B. Lesta. Nesta conversa, este mozo compilador falará sobre todo o que aprendeu e viviu facendo traballo de campo no concello de Carballo e arredores. Ademais, compartirá a súa experiencia na difusión deste traballo compilado desde os códigos das novas canles de comunicación.
A xornada dedicada á tradición oral remata co concerto ‘Canta, miña compañeira’, titulado coma o verso dunha cantiga que lle da nome a todo o Programa das Letras de Carballo. Actuarán as cantareiras de Arume de Verdillo, Nemeth, San Campio de Cances, O Candil e as de As Tocadoras do Alprende. A cita é ás 20.00 horas no Pazo da Cultura con entrada libre ata completar capacidade.
Por outra banda, o Consello da Cultura Galega presenta este mércores en Carballo o 15º Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro 16 de maio no Pazo da Cultura.