O festival de contidos dixitais Carballo Interplay anuncia as datas para a edición de 2025, na que festexará 12 anos apoiando a creación audiovisual galega e atraendo a Galicia aos mellores talentos da rede. Celebrarase do 24 ao 27 de abril.
O Interplay procura fomentar a creación galega no eido audiovisual e dixital, así como apoiar a novos creadores. Cunha programación que recolle as últimas tendencias nas redes sociais, podcast ou webseries, o festival presenta varios premios e concursos nos que repartirá máis de 6.000 euros: Mellor Contido Dixital en Galego, Mellor Produción de Contido Audiovisual en Galego e a Competición Oficial de Series en Formato Curto. As convocatorias para os diferentes premios que otorga o festival xa están abertas.
A competición oficial de series en formato curto é a máis clásica do festival, pensada para producións nacionais ou internacionais realizadas entre 2024 e 2025. O requisito a cumplir é que teña, polo menos, tres capítulos producidos que non superen os 30 minutos cada un. Poden ser inéditos ou atoparse xa publicados nalgunha plataforma de streaming. Os premios outorgados nesta categoría serán á Mellor serie (dotado de 800 euros e trofeo), Premio do Xurado Novo (dotado de 400 euros e trofeo), Premio do Público (400 euros e trofeo) e un Premio a Mellor Dirección de 200 euros e trofeo. Os interesados e interesadas poden inscribirse na páxina web do festival, con data límite o 23 de febreiro.
Para os proxectos en fase de desenvolvemento o Carballo Interplay destina o Premio á Mellor Produción de Contido Audiovisual en Galego, que ten como obxectivo apoiar a creación audiovisual mediante un premio de 3.000 euros que se dedicará ao desenvolvemento do proxecto gañador. Na pasada edición esta dotación económica permitiu ao equipo de Delirio Sketchs facer realidade a serie, que xa rematou a rodaxe e estrearase en primicia no Carballo Interplay. Cabe destacar que esta modalidade non está suxeita só á creación de series, está aberta a proxectos de técnica e temática variada que teñan como canle de difusión redes sociais como Tik Tok, Youtube ou Instagram.
Para apoioar aos creadores da rede o festival carballés presentou o ano pasado o Premio a Mellor Contido Dixital en Galego, dirixido a proxectos que se difundan en Instagram, TikTok ou Youtube, de creación propia e en lingua galega. Un recoñecemento pioneiro en Galicia por reunir propostas de todas as redes sociais e formatos. Dentro desta convocatoria haberá dous recoñecementos, o primeiro destinado á Mellor Canle, que conta cunha contía económica de 600 euros; e o segundo para o Mellor Creador ou Creadora, dotado con 600 euros. O formulario de inscripción pode atoparse na páxina web do festival, con data límite o 23 de febreiro.