O pregón e o concerto da Banda Municipal de Música marcaron o inicio do San Xoán con dous fitos históricos. Pronunciouse por primeira vez un pregón coral acorde coas protagonistas das Letras Galegas deste ano, as cantareiras, e a Banda Municipal estreaba “Carballo”, unha adaptación do terceiro movemento da Sinfonía de Bergantiños, feita polo seu autor, Sergio Moure de Oteyza.
O presidente da comisión de festas, Sergio Varela, foi o encagado de presentar as pregoeiras, “voz viva das nosas devanceiras” e “abrindo o camiño” dos mozos.
Belén, Gema, Lara e Bea, en representación das cantareiras das asociacións culturais Arume de Verdillo, Nemeth de Carballo, Escola do Alprende de Oza e San Campio de Cances, foron as encargadas do pregón “como herdeiras dun legado”. Ademais de agradecer o encargo da comisión, empezaron o discurso reivindicando o papel das cantareiras, sendo un “acto de xustiza histórica” a homenaxe do 17 de maio. Xustiza polo recoñecemento da cultura popular, xustiza coa aldea e co rural e xustiza coas mulleres, defenderon.
Lembraron que hai un ano participaron no estreno da Sinfonía de Bergantiños, e aí reforzouse o vínculo e a complicidade entre elas, que as levou a estar de novo onte no escenario, aínda que ninguna se imaxinara semellante privilexio. Tampouco as cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas pensaron que lles podían adicar ese día, lembraron.
“A festa conéctanos coas nosas devanceiras, que a falta de atraccións e orquestas, celebraban a vida con cantos e pandeiretas”, subliñaron, ao tempo que indicaban que o San Xoán é moito máis que unha tradición, xa que “é un momento para compartir, desfruar e fortalecer lazos”. Son días de festa, alegría, sardiñas e algaradas para recordar “as nosas raíces os nosos costumes, e crear unión como comunidade”.
Aproveitaron para recordar a esas mulleres pandeireteiras que transmitiron a música tradicional, en especial ás de Carballo e Bergantiños, porque, dixeron, “a riqueza da música popular en Bergantiños é asombrosa”. Desta terra saíron grandes cantareiras e tocadoras e inspiraron o traballo de moitos investigadores que participaron en recollidas pola zona para conservar ese legado.
Falaron tamén da labor que realizan as asociacións, comprometidas en difundir o legado entre as novas xeracións. “Hoxe vemos como a rapazada colleita este patrimonio con forza, demostrando que a música tradicional galega non é un recordo, senón un lume ardente que debemos seguir alimentando, como faremos o día 23 coas cachelas a media noite”, engadiron.
Nestes tempos “nos que andamos decote á carreira, sentarte a coller a pandeireta na man, é algo difícil de explicar”, recoñeceron. Pero “tocar e cantar é terapia, é agora e tamén o sería antes”, dixeron. E aínda que aqueles encontros espontáneos que xurdían antaño, case sempre ligados ás labores do campo, pouco teñen que ver cos actuais, con moitas dificultades para atopar un oco na axenda polas “ocupacións da vida moderna”, a finalidade segue sendo a mesma: contar historias cantando e celebrar as alegrías. Así, aproveitaron o discurso para animar a todo o mundo a participar e gozar da música tradicional, sen importar a idade nin a experiencia.
As pregoeiras destacaron a importancia das festas de San Xoán para todos os carballeses. “San Xoán é historia viva, traspasa todos os sentidos. A tradición e superstición envolven estas máxicas festas. É o reencontro co noso e cos nosos, é risa compartida, contos coa nosa xente, e por suposto, para nós tamén algunha pandeiretada”, indicaron.
O San Xoán tamén son recordos da infancia, cando ían cos avós a recoller o fiúncho, as espadanas, as sete herbas do San Xoán, que era misión case imposible. Logo xa de mociñas, eran as atraccións das festas, gardar grandes colas diante do Pataqueiro, escoitar tantas veces ás nais lembrando o concerto de Juan Pardo, a cita ineludible da Festa do Bosque... “Que o espíritu das nosas antepasadas resoe en cada recuncho de Carballo, e que a nosa cultura siga medrando e celebrándose con orgullo”, desexaron as cantareiras, “moi orgullosas” de ter a honra de ser pregoeiras e de seguir difundindo as coplas e as foliadas. Tamen se intercalaron varias pezas durante o discurso.
O alcalde, Evencio Ferrero, saudaba ao verán que marca cada San Xoán e eses días de festa e ledicia para os carballeses. Ademais, expresou o seu desexo de que este pregón “sirva tamén para o lucimento de valores tradicionais de Carballo, da Costa da Morte e de todo o país galego”. “Xente emerxente, ente con ideas, xente nova, xente con ilusión, xente con compromiso, xente que foi recollendo a memoria que nos legaron moitas devanceiras e que fixeron de Carballo lugar das fontes donde beben as fondas tradicións”, engadiu, ademais de felicitar ás pregoeiras e a labor das asociacións culturais.