Intensa programación cultural para festexar as Letras Galegas na bisbarra

Intensa programación cultural para festexar as Letras Galegas na bisbarra
Un momento da peza de Teatro do Atlántico representada en Carballo | Marema

A Costa da Morte terá desde este venres un intenso programa cultural para festexar o Día das Letras Galegas. En Carballo, as actividades arrincaron a tarde deste xoves con Teatro do Atlántico que representou no Pazo da Cultura a súa obra “Libre como os paxaros” e seguirá este venres co concerto de fin de curso do Conservatorio Profesional de Música (19 horas) e a continuación (20 horas) terá lugar a entrega dos premios e inauguración da exposición da 24ª edición do certame de fotografía Xosé Manuel Eirís. 


En Malpica, que puxo en marcha as súas actividades hai algúns días, comeza coa parte máis intensa do programa das Letras. Será coa presentación da obra “ Edénicas”, de Andrea Fernández, gañadora do 16ª Certame de Poesía Erótica “ Illas Sisargas”. Será na Casa do Pescador ás 19 horas. 


En Zas, Silvia Penide e Carla López de Feminino Plural, realizarán duas funcións de “Mulleres creadoras” para os escolares, ás 10.30 no auditorio do Concello e ás 12.30 no de Baio. 


En Fisterra, (salón de actos, 19.30 horas) tamén se pon en marcha na xornada deste venres o programa do Día das Letras con “Finisterrae, ou Último Ultramarinos”, baseado nun texto da escritora María Lado. A biblioteca de Cabana acolle as 18 horas a narración oral de Trémola Teatro “A nena que se comía todos os contos”. 


En Ponteceso, os actos do Día das Letras serán os organizados pola Fundación Pondal no seu programa “ Odezasete”, que comezará este sábado cun roteiro literario nas terras de Muxía, no que participaran Manuel Ferreiro, Felipe Senén e Félix Neira. Ese mesmo día, ás 22.30 horas a Casa dos Veciños acollerá o monólogo de Boniface Ofogo.


As actividades do domingo serán na Fundación Pondal, onde ás 12 horas está prevista a ofrenda floral e o acto de entrega dos galardóns Bos e Xenerosos 2022. Ademais poderá visitarse a exposición exterior “Corenta anos…cantas cousas non pasaron”. 


O luns ás 22.30horas a Casa dos Veciños será o escenario para a representación da obra teatral “Badius” e o martes, Día das Letras, tamén na Casa dos Veciños do Couto, ás 16.30 Rosalía Fernández, Suso Lista, Claudia Castro, Alexandre Nerium e Xurxo Souto serán a “Dose de reforzo” e ás 18 horas haberá un concerto de Faia Díaz.

Intensa programación cultural para festexar as Letras Galegas na bisbarra

Te puede interesar