Branca Vilela: “En ‘Pesadelo da Creación' inspiroume a realidade de moitas mulleres”

Branca Vilela: “En ‘Pesadelo da Creación' inspiroume a realidade de  moitas mulleres”
Branca Vilela, xunto a Miguel Anxo Fernán Vello, na presentación do libro en Carballo / Marema

A poeta, escritora e xestora cultural Branca Vilela presentou o venres no Foro Espiral Maior de Carballo o seu novo libro “Pesadelo da Creación”, cunha impactante portada feita pola xoven artista Miriam Villamar. Na presentación estiveron Miguel Anxo Fernán Vello –autor dun dos dous limiares do libro; o outro é de Javier Dámaso– e o editor Xulio Valcárcel.

Que nos pode contar deste novo traballo?
Este libro é un só poema. Pódese definir como unha poesía-novela porque ten todos os compoñentes: conta unha historia, cun personaxe principal, que é unha muller, e despois van aparecendo outros, que van conducindo o poema ata o desenlace final.

E dentro desa categoría de poesía-novela, en que xénero a encadra?
Unha pregunta difícil. Ten moita carga de contido social, con moita tensión, intriga e a palabra coa que mellor a defino é brutal. Inspiroume a realidade de moitas mulleres. Cando a protagonista plantexa que despois de cumplir ese rol imposto de muller da súa casa quere ter a súa independencia e realizarse, chegan os impedimentos, as prohibicións e a frustración, porque os cimentos desa historia foron baseados no control, na posesión e os condicionantes machistas que tanto dano causan e que lamentablemente seguen agochados na sociedade e descúbrense cando hai unha ruptura, denuncia ou morte. É un libro que fala de amor, de desengano, de dor, de incomprensión, de loita, de resistencia, de superación, de seguir os soños. Non vai deixar a ninguén indiferente polo relato e a súa dureza e ao mesmo tempo esperanzador.

Está baseada entón en feitos reais?
As situacións que pasa a protagonista son da vida real. Aquí a muller quere ser creadora, pero vale tamén o símil para a muller que quere montar un negocio, irse coas súas amigas de vacacións ou sinxelamente traballar para non ter esa dependencia do home. O difícil deste libro é contar a historia como foi, de maneira poética e que o lector se meta nesa pel, nos feitos, nas circunstancias, como se resolve. Por iso a pregunta que se fai o lector cando vai avanzando nas páxinas é iso: Aconteceu de verdade? Porque é tan surrealista e ao mesmo tempo tan desgarradora que dis, non puido ser. De feito as cousas que acontecen na vida cotidiá teñen que saír á luz, por duras que sexan.

Miguel Anxo Fernán Vello, no seu limiar, fala dese surrealismo comparándoa con Alejandra Pizarnik. Identifícase con ela?
A verdade que unha persoa entendida como Miguel Anxo me compare con Alejandra é unha honra para min. Tamén penso que se refiere con esa comparativa, pola forma na que está escrita, coas imaxes surrealistas tan poderosas que van levando o fío.
Resuma nunha palabra o libro.
Pesadelo.

Que consello lle daría aos lectores?
Pois ás lectoras diríalles que o lean pensando que elas mesmas poden ser as protagonistas. Sobre todo ás novas xeneracións, que non normalicen conductas das súas parellas de control, posesión ou violencia. E a eles diríalles que a muller non é unha posesión.

Cando escribe poemarios de contido social, que sinte?
Ao principio moita dor, teño chorado mentras os escribo pero despois sinto a paz que otorga cando sabes que iso é o correcto. Cóntalo para que sexa denuncia e axude.

“Pesadelo da Creación”. Onde máis se vai presentar?
Vaise presentar en Fisterra, no Bela Fisterra, posiblemente en setembro. Estarei o día 3 de agosto na Feria do Libro da Coruña asinando exemplares na caseta da librería Pedreira ás 19.30. Tamén se vai presentar en novembro na Casa Galicia de Madrid e haberá algunha outra presentación que se está xestando.

En que está traballando agora?
Pois estou correxindo un poemario que lle escribín á miña nai que publicará a miña editorial de cabeceira Sial. Está escrito en galego, pero levará as traduccións ao español e viaxarei con el á Feria do libro de Bogotá o ano que vén. E agora estou cun proxecto en narrativa que facía tempo que o tiña parado e retomeino.

Vexo que non para.
A pandemia parounos os pés, pero non as mans e temos ganas de reencontros, de novas publicacións e sobre todo voltar a vernos cos lectores e xuntarnos ao carón da cultura.

Branca Vilela: “En ‘Pesadelo da Creación' inspiroume a realidade de moitas mulleres”

Te puede interesar