Baiuca: “Oxalá chegar á idade de Carlos Núñez e seguir facendo música tras 25 anos”

Baiuca: “Oxalá chegar á idade de Carlos Núñez e seguir facendo música tras 25 anos”
Baiuca actuará o vindeiro venres na Sala Pelícano

Baiuca e Carlos Núñez acaban de publicar a súa primeira colaboración, “Solsticio”, un tema no que unen os seus universos sonoros, ademais de unir a dúas xeracións musicais.


O tema acaba de ver a luz, xusto antes da actuación que Baiuca ten prevista na Sala Pelícano –o vindeiro venres– e na que queren presentar a canción en directo, a pesar de que xa leva soando un par de meses nas súas actuacións. Alejandro Guillán, o nome real tras Baiuca, explica que a idea para presentalo é "integrar a súa participación coa gaita neste universo que fago", buscando un oco no que Núñez podería ser partícipe da actuación na Pelícano.


Guillán sinala que a colaboración entre ambos era algo que viña de tempo atrás. “Dende hai tempo me parecía unha idea xenial, pero non me gusta que me digan que non, motivo polo que non me atrevía a pedilo”, comenta. Foi a raíz dunha entrevista que Núñez lle propuxo facer algo xuntos e a idea era colaborar no 25 aniversario de "A irmandade das estrelas". Non se deu nesa ocasión pero decidiron continuar a idea e sacar adiante o traballado con anterioridade para que este "Solsticio" puidese ver a luz.


"Pareceume unha idea fantástica meterme neste universo da gaita e da alborada porque nunca entrara neste ritmo", explica Guillán do tema, que parte dunha alborada inédita de Núñez que Baiuca leva a outro plano musical, ao seu trance, no que tamén engade un chisco de Portugal cun sample dunha gravación de Paulino Pereira Joao.


Inspiración

Trátase da unión de dúas xeracións, a de Carlos Núñez, que marcou e marca a música tradicional galega e celta, e a de Baiuca, que lle está a dar pulo dende a fusión.


Lembra que os primeiros traballos e incluso o primeiro concerto que lembra de cativo eran de Núñez: "Inspírame como traballou tamén con outros xéneros", engade, e aplaude o interese de Núñez por tratar de conectar con novas xeracións.


Baiuca dá comezo a este 2022 con varios concertos, como o da Pelícano, e con ganas de “poñer fin” a esa sensación estrana que deixaron as actuacións con público sentado e con restricións.


Coincide que este ano marca o quinto aniversario dende o comezo deste proxecto musical, unha "primeira data para marcar unha traxectoria" pero, ao tempo, un período "que pasou voando". Guillán apunta que durante todo este tempo está “aprendendo un montón", porque "foron cinco anos de viaxe e aprendizaxe", dos cales está “moi orgulloso, por como está a ir todo".


O orgullo tamén vén dado polo "ritmo constante" ao que está a ocorrer todo, "sen pelotazos". Trátase, logo, dunha carreira de fondo da que Guillán afirma, en relación á recente colaboración que "oxalá chegar á idade de Carlos Núñez e seguir facendo música tras 25 anos".


O proxecto que comezou hai cinco anos buscaba achegar a tradición a outras xeracións, desde outras perspectivas, como están a facer multitude de artistas, non só no país senón tamén noutros lugares como Andalucía, Euskadi ou Asturias. "Hoxe en día xa falamos de moita xente que segue a nosa música", comenta, e apunta que antes "as novas xeracións sentían que esa música (tradicional) non era súa" pero que o problema non era musical, senón de "como lles chegaba", algo que mudou mediante a fusión, entre outras cousas. Destaca ademais que o interesante actualmente en Galicia é "a heteroxeneidade".


De cara ao futuro explica que ten varias actuacións e que plantexa a publicación dun EP con remisturas do seu anterior traballo, "Embruxo".

Baiuca: “Oxalá chegar á idade de Carlos Núñez e seguir facendo música tras 25 anos”

Te puede interesar