Perder o tempo

O reloxo hai que cambialo de hora dúas veces no ano, unha hora para adiante cara ao verán e outra para atrás, cara ao inverno. De repente, un día de domingo, ás dúas da madrugada xa son as tres e o luns, todos a espertar unha hora antes da hora de espertar na tempada anterior. Cando se achega o inverno, é ao revés, atrásase o reloxo e todos a durmir unha hora máis. Como di o señor Domingo da Freixa, un home dos seus anos, “unha hora non é nada, pero unha hora por cada unha dos millóns de persoas ás que afecta o cambio dá unha cifra ben elevada, unha cantidade que leva tempo pronunciala”. Son moitas horas de sono ou de traballo.


A economía poida que sexa a motivación principal destes cambios. Si, a economía está presente no día a día, no traballo, no ocio, no estudo, no movemento das poboacións, na investigación, nos tratados internacionais, no espírito dos conservadores e no pensar dos revolucionarios. Sábeno moi ben aquelas persoas que se dedican á divulgación, á política e, mesmamente, á comunicación. Tamén inflúe na meteoroloxía, no tempo e moito en marcalo, en medilo e distribuílo.


Mentres o tempo vai pasando, os homes achéganse ao final do traxecto e todo segue igual, cunha hora de cambio dúas veces no mesmo ano, unha para cambiar e outra para desfacer o cambio. Os teóricos e científicos non son todos da mesma idea e as administracións tampouco o teñen claro. A Comisión Europea acordou abolir este cambio horario, pero non foi quen de conseguilo. Aí seguimos á expectativa, como se o acordo se escribira en papel mollado, como se se tratara de xogar co tempo, cos horarios, coa vida e co traballo.


Vida, traballo e tempo son tres conceptos que se unen e se distancian entre. Están en relación constante e os dous primeiros, a vida e o traballo cambian co tempo, igual que os cambios de horario trocan as condicións de vida e, substancialmente, as do traballo diario da xente traballadora.


Expertos en ditames varios, investigadores en multitude de areas, elaboradores de informes e contables especializados din que o aforro  por mor do cambio horario é de centos de millóns de euros. Quen será o aforrador afortunado? Onde estarán os contadores que miden o tempo, parcelado en séculos, en lustros, en anos, en meses, en semanas, días, horas, minutos, instantes ou momentos e segundos? Quen será capaz de poñerlle cancelas ao tempo?


Sempre igual, mañá é outro día, por iso a Tía Manuela quere gañar tempo, avanzar, facer tempo para reflexionar e pensar. E imitando a Agustín García Calvo, tamén quere ter oportunidades para perder o tempo, sen máis, nos horarios normais.

 

Perder o tempo

Te puede interesar