A Galicia que non é renovable

Seica Galicia non forma parte do planeta. Esa parece ser a deducción dos que levan mal a polisemia. Porque se un acode ao diccionario da Real Academia Galega, a palabra “terra” é na súa primeira acepción: “Planeta do sistema solar, terceiro en proximidade ao Sol, que xira arredor deste e arredor de si mesmo e sobre o que existe vida”. Se vai de primeiras será por algo. Pero hainos moi concienciados neste país que descartan ese feito para ficar só coa novena significación, como rezo. Para eles, “terra” só é “territorio de onde unha persoa é natural”. E, claro, pasa o que pasa, que esquecen que se o global da primeira acepción vai a pique, a ‘súa’ tamén. Pero nada, non hai forma, seguen pensando que mantendo a súa horta virxe o cambio climático non os vai arrasar igual. Cousas do pensamento máxico. Ou do non-pensamento, mellor dito.


O Tribunal Superior de Galicia vén de dirixirse a un tribunal da UE para que lle aclare conceptos -pasando algo por riba do Supremo estatal- e así, de facto, acaba de paralizar todo desenvolvemento eólico na comunidade, seguramente durante un ano ou dous. Unha mala nova para a nosa economía e para os necesarios pasos que temos que dar para que as enerxías renovables, onde podemos ser unha potencia, saquen de circulación as máis contaminantes, causantes de notables desfeitas. Mais o peor de todo é que hai esquerda, fundamentalmente no nacionalismo, que festexa esa medida porque de progresistas teñen pouco, o seu é o conservadorismo, exactamente o mesmo que na súa versión máis ultra defende esas ideas por Europa, onde a maioría do progresismo sabe que o noso futuro está na transición enerxética, ben lexislada como vai facendo Europa.


É obvio que a instalación de renovables ten que coidar espazos naturais protexidos e deixar riqueza alí onde se asente. Pero, non nos enganemos, iso a estes movementos dálles igual. Non queren que lles toquen a paisaxe, e punto. Cando é rural, obviamente, que na vida a súa suposta “defensa da terra” dixo palabra contra a entrada de petroleiros no centro da Coruña e os desastres ecolóxicos que provocou, ao revés, cando se atopou solución en Langosteira protestaron.


“Coveira da canalla”, que lle chamaba Cabanillas ás urbes hai moitas décadas. Nesas seguen algúns. Son de Galicia, pero só da de 1961, non da actual, urbana e desenvolvida malia a escasa achega dos gobernos da Xunta, e que debería coidar pero non volver depender do sector primario (só 9% do PIB).


A esquerda é progresista ou non é esquerda. Galicia forma parte do planeta, que sofre a crise climática, polo tanto debe influír na solución, que só pasa pola ciencia e a tecnoloxía, por exemplo coas renovables. E se aínda por riba creamos riqueza con iso -da de verdade, non a do PP- non sei onde está o problema. Ou si, si que o sei. Está nesa esquerda reaccionaria, nostálxica e dogmática. Pero hai outra. 

A Galicia que non é renovable

Te puede interesar