Do discreto ascenso dos outonos

s veráns son algo así como os gardiáns dos tempos perfectos. Os tempos onde nada é imposible e ata parecera que puideramos ser persoas diferentes. A medida que medramos en dignidade e goberno, esforzámonos por seguir mantendo esa paisaxe posibilista de alegría e liberdade. Pero tamén é certo que medra a percepción de que o verán, é unha especie de paréntese de irrealidade, entre dúas realidades –desas de diario– que definen normalmente os nosos días. Por iso, encriptada entre as tardes de praias e excursións, e na socialización doada de festas e celebracións, vai xurdindo discreta, pero constante, a silueta inconfundible de ese outono, que caracteriza e define a benignidade suave da nosa climatoloxía. Nos outonos as luces teñen as tonalidades máis douradas e cálidas. Esvaran suaves ocres e vermellos sobre as tardes, tinguindo a natureza de variantes cromáticas que envolven os sentidos. Cos outonos retornan a calma e o silencio. Apáganse as festas, as xornadas de exaltacións e as verbenas, e iso aporta a recuperación do dominio silencioso que agradecen os soños. Incluso volvemos a ter espazo de aparcamento nos lugares de sempre. Nos outonos as praias teñen a suavidade do marmelos, e deixan  baleiros grandes coma desertos onde cravar a sombrilla sen apuros. Incluso as augas chegan ata a area, bastante máis quentiñas. Despois da euforia desmedida da canícula, chega suavemente a comedida oferta da melancolía íntima, e o retornos aos interiores, que conleva os outonos. Tamén é tempo de aromas.  De choivas lentas e rítmicas que deixan cheiros a terra e a figueira. Xa estamos na vendima, esa que como consecuencia do cambio climático, empeza  máis dun mes máis cedo que as vendimas da nosa infancia. Está chegando o outono. E sempre  coa discreción harmónica que define aquelo que é importante.
Vives na luz emocionada dunha sentida oración...

Do discreto ascenso dos outonos

Te puede interesar