Descriminalizarmos a protesta

O Congreso aprobou ter en consideración unha proposición de lei orgánica que reformará o Código Penal (CP) suprimindo os delictos de sedición e modificando o réxime dos delictos de desordes públicas. Tamén modificará o réxime dos delictos de calote (estafa), desfalco (apropiación indebida), falsidades e administración desleal para incorporar os conceptos comúns europeos na incriminación do uso fraudulento de cheques de viaxe e cartóns de crédito e adebedamento.  
 

Xa dixemos hai poucas semanas nestas páxinas que a derrogación dos delictos de sedición era obrigada á vista do Dereito penal comparado dos demáis Estados da Unión Europea e USA, que descoñecen a sanción penal de condutas políticas non violentas nin intimidatorias, mesmo as incompatíbeis coa legalidade constitucional. Esta derrogación suporá a imposibilidade de seguer a reclamar xudicialmente por este delicto (si por malversación impropia- que é a que non se fai no proveito de seu- de diñeiro público)  a Carles Puigdemont e aos seus conselleiros e conselleira Toni Comín, Clara Ponsatí e Lluis Puig. Porque de ningún xeito pódese tipificar a súa conduta constitutiva de desordes públicas nin doutros delictos alternativos. Xa que logo, a “boutade” do Goberno de Pedro Sánchez fachendeando de que esta reforma habería traer Puigdemont perante a xurisdición española cualifícase por si propia e non fai máis que afortalar a estratexia procesual do xironés e dos seus conselleiros e conselleira perante os Tribunais europeos de Luxembourg ( UE)  e de Dereitos Humanos en Strasbourg.
 

Agora ben, a reforma dos delictos de desordes públicas mantén un artigo no CP  que segue a punir condutas non violentas nin intimidatorias como delictos de desorde pública, cando un grupo de persoas ocupe sen permiso do seu titular locais, escritorios ou oficinas públicas ou privadas, mesmo as que estiver abertas ao público na altura. Trátase de condutas que non haberían constituir delictos, agás que se dean quer o elemento de violencia (vis absoluta) ou o de intimiddación (vis intimidatoria).
 

Sen dúbida a maioría da investidura, que quitou adiante esta proposta no seu debate limiar, habería suprimir este delicto residual de desordes públicas sen violencia, como tamén facer cumprir a este Goberno as súas promesas incumpridas na derrogación da chamada lei mordaza e máis dunha pena incompatíbel coas finalidades constitucionais de rehabilitación, como é a prisión permanente revisábel. Pena que constitúe a máxima expresión dun populismo punitivo que sobrancea na dereita española e comeza sobrancear en amplos sectores da esquerda española.

Descriminalizarmos a protesta

Te puede interesar