Da soberbia

En calquera asociación, partido ou organización, hai diversidade e, por suposto, discrepancia. Somos todxs de diversa pelaxe e condición. Participamos dos mesmos principios e valores, aqueles que veñen de lonxe, e que aspiran a chegar aínda máis lonxe. Compartimos idearios e modelos que buscan construír vidas e mundos mellores. Aportamos a enerxía e a ilusión para poder resolver problemas enquistados -cando nos tocou facelo- e de facer propostas novas, incluso rupturistas, para facer avanzar a sociedade e ao país. Todos deberamos saber que ter solucionado un problema, non implica que a tarefa rematase. Queda moita miés por segar e sempre hai ameaza de fame que acecha e acucia. Tamén que inevitablemente o tempo, ese vector diferencial que marca e define momentos e necesidades, acabará por alcanzarnos e por superarnos incluso. Se algo son a vida e a historia, é movemento. E todo sucede a maior velocidade dende que os avances tecnolóxicos, acortaron o mundo e eliminaron fronteiras. Pararse implica quedarse fóra. E non hai máis que pausas momentáneas entre éxito e triunfo, antes de afrontar un novo reto, froito das necesidades dunha nova sociedade, nun novo momento histórico. Todo tivo o seu tempo e todxs afrontamos momentos, nos que perdemos batallas e/ou gañamos guerras. Ninguén ten a palabra salvadora única, nin a fórmula maxistral que evite que para fritir un ovo, non haxa que romper a cáscara.  Non podemos vivir unicamente dos éxitos do pasado, por grandes que foran, nin ser reféns da soberbia de considerarnos os oráculos infalibles de futuros por vivir. Non se fixeron as leis nin os ordenamentos constitucionais, para metelos debaixo dun celemin. Nin a historia, nin a vida  agardan por ninguén. Non debéramos caer na soberbia intelectual, de pensarnos únicos e indispensables. E moito menos crernos deuses superiores, posuidores das esencias absolutas e  chamados á habitar na eternidade de calquera Olimpo.
Tes a serenidade emocionada do amencer... 

Da soberbia

Te puede interesar