Dos chiripitifláuticos

Feijóo segue acumulando fuxidas cara adiante. Iso si, repetindo coma disco raiado, que gañou as eleccións e que ten dereito a intentalo. Hai na súa convicción obstinada –sen estar baseada nos apoios imprescindibles– un esforzo de aplicación semellante á estética denominada de horror vacui. É dicir, tenta encher de ocupacións de todo tipo, e convocatorias de diferente calado e nivel, coas correspondentes roldas de prensa posteriores, para que pareza que non para de traballar ou de intentalo. Pero consegue o que ninguén foi capaz: unha total infantilización da Política e das súas estratexias. Máis alá de suplicar ao Sanchismo que o rescate, que xa manda chover na Habana, destaca a ousadía de ofrecerlle un pacto a Pedro Sánchez, para que lle permita gobernar durante dous anos. Pero en serio plantexa semellante incoherencia? Non sei ben a razón, pero ao escoitar tamaña inconsistencia, recuperei a memoria dos chiripitifláuticos, aqueles señores maiores que amenizaban as nosas tardes de merenda, con propostas pseudomáxicoinfantís de amables intencións e dubidosos resultados. Xa saben vostedes, mundos onde todo o imposible era posible; os rapaces atendían en silencio; os animais falaban e por riba, cantaban cancións aburridas que aportaban sempre unha moraleja final. Pois niso anda Feijóo, buscando unha maneira de gañar o tempo que non ten; tentando controlar ao seu partido e sabendo que xa comezaron a moverlle a terra baixo os seus pes. Cunha estratexia infantil e simple, a de botarlle a culpa a Sánchez do que lle pase por negarlle o seu apoio, fala de micro en micro, esperando a complicidade dunha sociedade, que asiste ao espectáculo, perplexa e asombrada. E contando sempre, en modo bucle e a quen queira escoitalo, coa melancolía propia dos outonos, que gañou as eleccións e que por iso ten dereito a intentalo.
 

Tes a perfección sublimada dunha bóveda, a altura imaxinada dun afecto...

Dos chiripitifláuticos

Te puede interesar