A auténtica Rosalía de Castro

Dun tempo a esta parte, o 23 de febreiro xa non é só a data que lembra aquel terrible, e á vez berlanguiano, golpe de Estado militar que en 1981 intentou derrubar a nacente democracia con Tejero á pistola e Juan Carlos I desenvolvendo extrañas manobras orquestrais na escuridade, ata que saíu na tele a rematar coa algarada. Eu, sendo pequeno, recordo perfectamente os medos daquela longa xornada entre persoas que vían que sobre a súa xusta loita deitábase de novo a sombra do totalitarismo. Con final feliz, máis ou menos.

 
Desde hai uns anos, en Galicia o 23-F significa outra cousa. Porque aquí é cando celebramos o Día de Rosalía, a poeta de Padrón apelidada De Castro, non a diva internacional de Sant Esteve, aclaro ante o improbable caso de que haxa rapaces da xeración centennial lendo esta cousa. 


Festéxase por todo o país á gran escritora nacional e a súa data de nacemento, un símbolo colectivo cuxa actualización e vixencia supón un orgullo para toda Galicia, aínda que non sempre se respecte a esencia da súa figura. Porque existen sectores nos galeguismos que teiman en convertela en algo que dificilmente cadra coa personalidade e carácter da poeta, un terremoto vivencial que moi pouco ten que ver coa firme e estable patriota galega que debuxan algúns, sobre todo no ámbito do nacionalismo. Como sempre, presenzamos a apropiación dun referente para levalo ao rego propio, sen respectar a realidade dunha figura que nunca xogou nos campos rectos e perfectos coa que a queren representar. 


Así, unha vitoria cultural bastante silente pero moi efectiva foi aquela que desbotou para sempre a imaxe dunha Rosalía choromicas, que queda fóra de calquera realidade con só ler o seu poema ‘A xustiza pola man’, unha das maiores radikaladas que se escribiu nunca neste país. Porque a poeta era, ante todo, un ciclón sempre disposto a vomitar riba do que lle petase, sen medo e adaptándose en cada momento ao que considerase axeitado. É ridículo que agora desde o ámbito UPG intenten publicitala como unha soldado sen mácula, diso nada, nunca se someteu ás disciplinas militarizadas do patriotismo. Nunca quixo ser exemplo, pero si axitación.  Rosalía dixo que Galicia non debera chamarse nunca “española” e tamén que “non volverei coller a pluma para nada que pertenza a este país nin moito menos escribir en galego”. Cantoulle a Compostela pero tamén dixo que “Santiago non é unha cidade, é un sepulcro”. E así moitas. Non existía a palabra empoderamento e xa Rosalía o aplicaba ao seu día a día, ao seu xeito, con liberdade, incluso con esa valentía que dá a enfermidade -é obvio que tiña depresións- ou o abuso da bebida, como contan os seus historiadores máis claros. Así que deixen de adaptala ao que non foi, que o seu marabilloso xenio reside xusto na súa falible humanidade. Rexeitemos a santa, quedemos coa punki. 

A auténtica Rosalía de Castro

Te puede interesar