Establecer unha idade mínima legal para o acceso aos móbiles ou iniciar unha desescalada dixital en todos os ciclos escolares, estas son algunhas das reivindicacións que pais, nais e educadores sinalaron en varias cidades españolas e galegas, como Santiago de Compostela e Vigo.
A iniciativa impulsada polo Movemento Off defende o dereito dos menores de idade para crecer nunha contorna respectuosa co seu desenvolvemento, sen que a dixitalización interfira constantemente nas súas vidas, dentro e fóra das aulas.
Entre as reivindicacións que se escoitaron están a de liberar a menores de idade das redes sociais, regular a idade de acceso ao teléfono móbil, implementar unha desescalada dixital nas aulas en todas as etapas, limitar o tempo de pantallas en menores atendendo aos consellos pediátricos e actualizar a formación a todos os axentes implicados sobre os riscos coñecidos da dixitalización precoz.
En Santiago de Compostela, Isabel Álvarez, de Adolescencia Libre de Móbiles, unha das asociacións representadas, advertiu das “consecuencias” que ten o abuso das pantallas e a sobreexposición a elas na infancia e na adolescencia.
Piden aos organismos “competentes que regulen” axeitadamente e suxiren que o teléfono non se lles deixe aos nenos porque “non é un xoguete” e lamentan que se lles dá “liberdade absoluta” con eses dispositivos.
Outra nai dun colexio que ten o proxecto da Xunta E-Dixgal, pediu que Educación “non estea á marxe” disto, que non “obrigue” aos nenos para pasar máis tempo conectados que o que recomendan os pediatras. l