Clausúranse en Compostela os XXXV Cursos “Galego sen fronteiras” con alumnado de 20 países

Clausúranse en Compostela os XXXV Cursos “Galego sen fronteiras” con alumnado de 20 países

A trixésimo quinta edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” concluíu este mediodía coa entrega dos diplomas aos sesenta estudantes procedentes dunha vintena de países de Europa, América e Asia que participaron nesta convocatoria. O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, salienta que o interese que suscita este programa nos recorda a relevancia do galego e que cómpre que o noso idioma sexa recoñecido no seo da Unión Europea. “A presenza de alumnado que vén de todo o mundo, en maior medida doutros países europeos, lémbranos a dimensión internacional da nosa cultura e que é de xustiza que o galego sexa recoñecido como lingua plenamente oficial pola UE, como lle corresponde pola súa historia, a súa riquísima produción literaria e o seu status legal en España”, expresa.

 

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coorganizan, desde 1988, esta cita estival, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e por cuxas aulas pasaron xa máis de 2.500 estudantes. Henrique Monteagudo interveu no acto de clausura xunto á directora dos Cursos, a académica María López-Sández; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e mais o filólogo da RAG Vicente Feijoo, en representación do profesorado.

 

20250724 RAG galegosenfronteiras 2

 

Nesta última edición mergulláronse durante tres semanas na lingua e na cultura de noso estudantes procedentes de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, A China, A India, Uzbekistán, A Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México, así como doutras comunidades autónomas de España. A directora dos Cursos destaca a diversidade de perfís dos alumnos e alumnas. Algúns deles son fillos ou netos de galegos para os que volver á lingua e á cultura galegas é “un acto de homenaxe, de restauración da propia memorial persoal”, pero a gran maioría achéganse á lingua galega sen lazos de sangue, movidos polo seu interese nos estudos lingüísticos ou sociolingüísticos, cunha ollada desde a ecolingüística que recoñece o valor que tamén teñen os idiomas minorizados e a propia diversidade, apunta María López-Sández. Nestes cursos o alumnado atopa un espazo que permite ademais “explorar vías para manter vínculos posteriores que poden conectar coa investigación, a tradución ou outros traballos relacionados coa lingua e a cultura galegas”, engade a académica.

 

A directora do ILG incide tamén neste papel que desempeñan os Cursos Galego sen fronteiras como canteira de futuros especialistas internacionais en estudos galegos. “Moitos dos estudantes que pasaron polas súas aulas ao longo destes case corenta anos convertéronse en investigadores no campo da lingüística ou dos estudos culturais galegos, crearon centros de estudos galegos e, en definitiva, levaron o galego canda si e axudaron a espallar o seu coñecemento polo mundo”, lembra Elisa Fernández Rei.

 

20250724 RAG galegosenfronteiras 4

 

O secretario xeral da Lingua sinala ademais a función dos Cursos no contexto actual marcado polas tecnoloxías da comunicación. “A importancia de proxectar o coñecemento da lingua e cultura propias de Galicia alén das nosas fronteiras adquire cada ano maior sentido, nun mundo cada vez máis conectado e no que o avance das tecnoloxías e a xeración de contornos de voz cada vez facilitan máis a comunicación e as oportunidades de linguas como a galega”, expresa Valentín García.

 

Pero os Cursos son tamén un espazo de convivencia na diversidade, co galego como eixe, e mais unha oportunidade para as persoas que participan na súa organización, lembraron todos os intervenientes na clausura. “Para nós é un agasallo ter alumnado con tantas ganas de aprender. As persoas que participan nesta experiencia son os folgos que precisamos os profesores de galego, o alento fresco que precisa a nosa lingua, e tamén o revulsivo que remove a conciencia de moitos galegos cando os escoitan falar na radio ou na televisión”, resumiu Vicente Feijoo.

Clausúranse en Compostela os XXXV Cursos “Galego sen fronteiras” con alumnado de 20 países

Te puede interesar