Coristanco celebra as Letras Galegas con exposicións, un certame e un roteiro literario

Coristanco celebra as Letras Galegas con exposicións, un certame e un roteiro literario
Acto de homenaxe a Asunción Antelo en Coristanco | AEC

O Concello de Coristanco festexa o Día das Letras Galegas co certame artístico literario Asunción Antelo, unha exposición sobre Florencio Delgado Gurriarán, un obradoiro científico e un roteiro literario sobre a Rexubeira de Bergantiños. 


No caso do certame literario, o prazo para a presentación dos traballos (Cómic, Narrativa, Poesía, Monográfico e Debuxo) finaliza este mércores. A sétima edición do certame está convocada a iniciativa do Concello coa colaboración dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa-Rus, CEIP Bormoio-Agualada e Cra A Tarandeira. 


Ademais, desde a semana pasada e ata o 30 de maio está aberta no edificio de Servizos Múltiples a exposición “Tesouro de lembranza”, baseada na figura e na obra de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado deste ano do Día das Letras. 


O día 17 (11.30 horas) terá lugar na biblioteca municipal do edificio de Servizos Múltiples o obradoiro “De ciencias ou de letras?”, no que os participantes (nenos de entre 7 e 12 anos) poderán descubrir os experimentos que desenvolverá a escritora Antía Yáñez. É necesaria a inscrición previa a través do teléfono 651 664 908 ou no correo electrónico biblioteca@coristanco.gal, ou ben presencialmente na biblioteca municipal.


O programa das Letras Galegas do Concello de Coristanco pechará o día 21 de maio co roteiro literario Asunción Antelo. Trátase dun itinerario narrativo no que percorreranse os espazos vitais e literarios da Rexubeira de Bergantiños. Coa axuda dos intérpretes locais que darán voz aos versos de Asunción Antelo. A saída do percorrido de 7,5 quilómetros está prevista ás 10 horas do edificio de Servizos Múltiples e seguirá por Abellariza, O Carballal, Muíño Seco, Segufe, Seavia. Tamén é necesaria a inscrición previa na biblioteca municipal, por teléfono ou correo. 


Malpica


A biblioteca municipal de Malpica e as dos centros educativos do municipio recibirán na xornada deste mércores exemplares do libro “Os Bolechas. As miñas primeiras Letras e Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade”, asinado por Héctor Cajaraville. 


É un dos primeiros actos do programa “Malpica nun mar de letras” que preparou a concellería de Cultura do Concello de Malpica para conmemorar o Día das Letras Galegas. 


Muxía


O Concello de Muxía organiza o vindeiro martes 17 de maio, a actividade de conciliación familiar “Concilia Muxía Letras Galegas”. 


Esta iniciativa, dirixida aos menores de 4º a 6º de primaria, terá lugar na sala Multiusos da Camposa de 10 a 13 horas. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro luns, 16 de maio, no edificio de CIM de Muxía ou chamando ao 981 708 595.


Coristanco celebra as Letras Galegas con exposicións, un certame e un roteiro literario

Te puede interesar