A Praia dos Libros regresa a Razo

A Praia dos Libros regresa a Razo
Presentación da Praia do Libros este mércores en Razo

A Praia dos Libros regresa a Razo (Carballo) para desfrutar así da lectura durante o verán. Por cuarto ano consecutivo os lectores ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarse ou xogar ao voleibol, poden ter a compañía dos últimos éxitos literarios ao pé da praia, onde se atopa un punto de información cultural xestionado polo persoal do Concello. 


A Praia dos Libros empezou a funcionar o pasado luns. Onte achegáronse ata alí o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Aquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, xa que desde o seu departamento compleméntase a oferta lúdica estival no litoral carballés, como un obradoiro de crebas que se celebrou nesta xornada.

 

Proxeccións de cine


Ángeles Pacoret explicou que o funcionamento da bibliopraia non varía con respecto ao ano pasado. Conta cunha sección de préstamo, na que se require o carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, e outra de uso libre na que, ademais de libros pódense atopar outros obxectos como marcapáxinas ou postais, entre outras cousas. 


O horario tamén é o mesmo que o pasado ano, de 13.30 a 17.30 horas durante este mes de xullo e de 13.30 a 16.30 horas no de agosto, segundo explicaron os seus responsables. 
Ademais da Praia dos Libros, na beira do mar tamén está previsto outra serie de actividades para o verán como as clásicas proxeccións de cine ao aire libre organizadas pola Concellaría de Cultura. Onte puido verse a película “Viaxe ao paraíso” e o 14 de agosto será a seguinte proxección en Pedra do Sal. Alí poderase desfrutar de “Unha familia de superheroes”, ás 22.00 horas, coa colaboración da asociación cultural O Castro de Lema. 

A Praia dos Libros regresa a Razo

Te puede interesar